Outubro 2011 - C.B. O MECO

Vaya al Contenido

Menu Principal

Outubro 2011

Actualidade > Arquivo


30.10.2011:  O equipo infantil feminino de O Meco Astegal conseguiu a súa primeira vitoria da tempada. O partido contra o C.B. O Grove resolveuse cun marcador final de 64 a 31. As rapazas de Yago tiveron que sobrepoñerse a un mal inicio de partido, xa que o equipo visitante empezou máis entonado, pero tras os cinco primeiros minutos de nervios, as nosas rapazas souberon darlle a volta ao marcador. A partir dese momento, o dominio no xogo e no marcador foi total, o que fixo que todas as xogadoras puideran disputar minutos.



Despois das derrotas anteriores, as nosas xogadoras merecían unha vitoria que reforza o traballo que están a facer nos adestramentos.

Na tarde do sábado o equipo sénior desprazouse a Allariz onde conseguiu a primeira vitoria fóra da casa. E sabe a moito por ser diante dun dos favoritos a rematar na parte alta da táboa.

O equipo de Manu Bello e Raúl Salgado enfrontábase ao C.B. Allariz coas baixas de Chavo, Jon e Caye, pero coa incorporación de Mario. O equipo saíu moi concentrado tanto en ataque como en defensa, aos 5 minutos de partido sumaba un parcial moi esperanzador de 8 a 17, cun Dani Prol moi activo dende o perímetro (8 puntos) . O primeiro cuarto pechouse cun 15 a 28 favorable ao Meco, o Allariz víase desbordado en defensa, en cambio O Meco estaba moi acertado no tiro exterior e nas penetracións.

Ao Allariz quedáballe intentar parar o ataque meco, pero as nosas rotacións non baixaron o nivel, unha tripla de Nacho sobre o final da posesión dábanos un novo parcial de 0 a 8, sobre o que Allariz tiña que pedir tempo morto. A partir dese momento os locais lograban anotar un par de canastras que reducían o parcial do cuarto a un 14 a 16. Chegábase así ao descanso cun marcador de 29 a 44, cun Meco no que destacaba o acerto en triplas (6), un gran dominio do rebote defensivo e sobre todo unha gran solidez no xogo. A parte negativa era que despois dos vinte primeiros minutos, Dani Prol e Xoan Mouriño estaban xa con 3 faltas.



Pero os partidos fóra da casa sempre son complicados, ao principio do terceiro cuarto o Allariz anotaba tres triplas consecutivas, e os nosos sufrían un baixón grande no xogo que os levaba a estar case seis minutos sen anotar. A partir dese momento Palermo liderou unha pequena reacción que abortaba o primeiro intento dos locais por acurtar distancias. Remataba o terceiro cuarto cun marcador de 44 a 55, e a sensación de que os locais non ían a baixar os brazos.

O último cuarto empezou coa cuarta falta persoal de Borja, o que o levaba ao banco, a partir dese momento o nº 6 viuse máis libre e xunto co nº cuarto empezaron a facer bastante dano en ataque. Manu tivo que parar o partido cun marcador de 54 a 57 a falta de seis minutos por xogar. Co regreso de Borja o xogo mellorou, pero só duraría dous minutos, o tempo que tardou o nº 6 en sacarlle a quinta falta. O Allariz logrou empatar o partido a 65, e parecía que chegaba forte para remontar o marcador, pero no momento de apertar en defensa volveu aparecer Palermo para forzar unha perda que culminaba Dani Prol nun 2+1, coller un rebote defensivo que nos daban 2 tiros libres e sobre todo, roubar un novo balón e anotar en contraataque para deixar o marcador final nun 65 a 71.

Por último, o equipo cadete feminino de O Meco Euromantenimientos caeu derrotado por 56 a 39 na cancha do Cortegada. Ao igual que a semana anterior ante o Río Ulla, as xogadoras de Dani Prol e Nacho Rey enfrontábanse a un equipo que se presumía superior. Pero unha vez máis, as rapazas volveron a xogar un gran encontro, e o Cortegada tivo que facer gala dun gran acerto no tiro exterior para levarse a vitoria. Unha vez máis, o equipo obrigou a un dos conxuntos favoritos para levarse o título a manter unha gran intensidade durante os corenta minutos.


27.10.2011:
Debido ao parón das categorías masculinas temos menos partidos durante esta fin de semana. Pero iso non quere dicir que nos vaiamos a aburrir.



Os sénior desprázanse ata Allariz para enfrontarse ao cuarto clasificado, e un dos favoritos para acceder á fase de ascenso. Un dos desprazamentos cualificados como "difíciles", e que de acadar unha vitoria fóra de casa sería un paso importante, sobre todo con este calendario no que os xogadores de Manu Bello teñen compromisos lonxe do Monte da Vila contra Allariz, Seis do Nadal e Marín.



Pero sen dúbida, o desprazamento máis complicado téñeno as rapazas de O Meco Euromantenimiento, xa que se enfrontan ao líder da categoría, o Martis Cortegada. As rapazas de Dani Prol e Nacho Rey veñen de crecer como equipo no último partido, pero terán ante elas a un conxunto vilagarcián, que vén de gañar os seus partidos por unha diferenza media de máis de 50 puntos.



E por último, as infantís de O Meco Astegal teñen a oportunidade de levarse a súa primeira vitoria ante o C.B. O Grove. Ambos equipos chegarán ao derbi despois de perder nas dúas primeiras xornadas, polo que a xestión das emocións antóllase como clave á hora de afrontar o partido. Sen dúbida, as rapazas volverán a dalo toda na pista como contra o Dorna e o Peixegalego, esperando que esta vez a sorte as acompañe un pouco máis.

Lembra que podes estar informado dos resultados dos nosos equipos, en tempo real, a través da red social twitter, na conta do club @CBOMECO.


26.10.2011:
No reproductor do lateral da páxina está dispoñible a entrevista a Manu Bello en Radio Arousa. O noso adestrador sénior falou da actualidade do equipo despois do partido contra o Liceo.

E a nominación para Xogador da Xornada está semana vai para o noso benxamín Óscar Padín. Non fai falla meter 40 puntos para ter este recoñecemento, non hai que ter +30 de valoración... simplemente hai que facer o que fixo Óscar, saír a xogar para divertirse e poñer o máximo empeño en ataque e en defensa.



Segundo o seu adestrador, Rául Salgado, Óscar vén de completar un bo partido no amigable desta semana, defendendo a xogadores máis grandes, axudando aos seus compañeiros, e sobre todo divertíndose na pista.


24.10.2011:
Temos creada unha galeria de fotos cos partidos benxamíns deste sábado en Vilagarcía. Os máis peques do club fixeron gala das súas habilidades e foron a delicia de todos os pais que se desprazaron ata o pavillón de Castelao. As fotos foron cedidas por Ana Cornes.


(pincha no foto para acceder á galería)



23.10.2011:
Esta semana diciamos que era unha oportunidade fantástica para ver á Armada Invencible Meca en marcha, pois ben... na tarde deste domingo parece que o mal tempo quixo acompañar aos nosos equipos. Pero a pesar das malas condicións meteorolóxicas, a ilusión dos rapaces e rapazas do Meco non se desvaneceu.

Xogáronse un total de 4 partidos, e cando as luces dos focos do pavillón de Conmeniño se ían por mor do tempo, os xogadores do Meco e o Xuven máis brillaban.
Foi unha gran oportunidade para ver os avances dos equipos: benxamín feminino, o alevín feminino B, alevín feminino A e alevín masculino A, a poucas semanas do inicio das súas competicións.

Como nota positiva tivemos o debut das benxamíns Sheila Barreiro e Iria Cao co equipo alevín feminino "A".


22.10.2011:
A tarde deste sábado completouse con tres partidos dos nosos equipos.

Ás 16:00 empezou o partido que enfrontaba ao O Meco Bar Manos co Marín Peixegalego "B" en categoría cadete. Os xogadores de Manu Bello viñan de acadar na xornada anterior a súa primeira vitoria, e querían aproveitar a visita do Peixegalego para seguir sumando. Dende o primeiro minuto, unha intensa defensa provocaba que o noso equipo recuperara balóns e conseguira anotar canastras rápidas. Ao descanso chegouse cun 34 a 22, na segunda metade o equipo saíu decidido a seguir coa mesma dinámica. O Peixegalego "B" intentou aproveitarse das rotacións mecas para acurtar distancias, pero os nosos xogadores non o permitiron e pecharon o partido cun 60 a 42 que lles dá a segunda vitoria.



O prato forte da xornada era o derbi comarcal entre o C.B. O Meco e o Vinoteca Lembranza Liceo. Ambos conxuntos viñan cun balance de 1-1 e de perder na xornada anterior, polo que este cruce a pesar de estar tan só na terceira xornada, era unha boa proba para calibrar as dinámicas dos dous conxuntos.

O primeiro cuarto foi de total dominio local, os xogadores locais lograban un parcial de 21 a 11, e sobre todo metían aos visitantes nunha dinámica de desacerto en ataque. Con esta anotación parecía que o encontro ía ser de marcador alto, pero o Liceo conseguiu cambiar o ritmo do partido, no segundo cuarto varias canastras fáciles dos vilagarciáns tras roubo, e as imprecisións locais no pase, fixeron que o Liceo chegara con 2 puntos de vantaxe ao descanso, 31 a 33.



Chegábase así a un terceiro cuarto no que O Meco debía volver á senda do primeiro cuarto, pero os nosos xogadores seguían metidos no ritmo do Liceo, o marcador final neste parcial era de 47 a 49, e parecía que o Liceo acababa de conseguir arañar 10 minutos aos seus intereses. Pero no último cuarto, a fluidez  do ataque de O Meco, que levaba desaparecida case vinte minutos, volveu a aparecer. O ritmo máis alto favorecía aos nosos intereses, e os locais conseguiron un parcial de 23 a 8, moi semellante ao primeiro cuarto.



Por último, chegaba ao pavillón Monte da Vila o equipo líder da categoría cadete feminina, o Extrugasa Río Ulla. Como non podiamos esperar menos, as nosas rapazas plantáronlle cara durante boa parte do partido, e incluso cun plantexamento valente sorprenderon ao Río Ulla durante a primeira parte. Ao descanso, o marcador mostraba un 25 a 28 coas gradas aplaudindo o esforzo das nosas xogadoras. Pero na segunda parte as visitantes pecháronse moito máis en defensa, e aquí a diferenza física fíxose notar, xa que as nosas xogadoras empezaron a non atopar solucións en ataque. O resulta final de 35 a 55 deixa unha vantaxe de 20 puntos en contra das nosas rapazas de O Meco Euromantenimientos, pero unha profunda sensación de ter mellorado como xogadoras.

O equipo infantil masculino de O Meco indicadores.com.es vén de impoñerse por 57 a 97 ao Dorna. Os rapaces fixeron toda unha demostración de intensidade defensiva, o que propiciou que o ritmo do partido fose alto durante os corenta minutos.  Todos os xogadores dispuxeron de minutos de xogo, e responderon cun esforzo xeneroso, vaciando todas as súas enerxías na pista.

20.10.2011:
A familia do C.B. O Meco quere mostar o seu apoio tanto a Nuria Prieto, que segue a recuperarse dunha importante lesión nunha perna, como a Suevia Noya, que sufriu unha lesión nun brazo durante un adestramento. Esperamos que se recuperen pronto para volver a velas na pista.


19.10.2011:
A segunda nominación a Xogador da Xornada vai para Antonio Mochales, do equipo cadete masculino. Despois dun ano de inactividade, Antonio volveu ás pistas este ano para axudar ao equipo que dirixe Manu Bello. Tras un inicio de liga non moi acertado ante o BBP, no partido do Liceo xa comezou a aportar máis ao xogo, e no último encontro contra o Estudiantes resultou ser unha peza clave para acadar a primeira vitoria da tempada.


Antonio Mochales (1 vez elixido xogador da xornada)

Podes consultar o histórico de xogadores da xornada en "Actualidad/Arquivo/Xog. Xogador da xornada".


18.10.2011: Temos por diante unha fin de semana do máis completa, 13 partidos de equipos do Meco están confirmados. Dende o interesantísimo derbi comarcal co Liceo na categoría sénior, ata os partidos dos benxamíns, os desprazamentos dos infantís, e o partidazo das cadetes contra o Río Ulla, todos eles farán as delicias dos nosos seareiros. Ponse en marcha a Armada Invencible Meca.


16.10.2011:
Partidos moi competidos hoxe na concentración cos amigos do CB Vilagarcía. Os partidos deixáronnos momentos de calidade, algo que nos augura un futuro prometedor para os dous clubes.

Podes ver as fotos no album CB O Meco - CB Vilagarcía amigables 16/10/2011.




O equipo sénior caeu derrotado na súa visita a Ourense por 80 a 59.

Crónica por Sandra Mourelos: Na segunda xornada de liga, aos xogadores do Meco tocoulles ir ata Ourense para disputar un partido contra o Cruz Alta. No seu vestiario contaban con dúas baixas por lesión (Chavo e Jon) e dous xogadores que, a pesares de estar lesionados, xogaron con molestias (Dani Prol e Xoan Mouriño).
Dende o principio do partido, aos xogadores de Manu Bello e Raúl Salgado custáballes atopar o seu xogo, precipitábanse nas xogadas e abusaban do tiro exterior. Os rivais, sen embargo, demostraron ter máis calma, e malia carecer dun xogo superior ao do Meco, foron quen de gañarlle ao equipo visitante en tódolos cuartos dende o principio do encontro. Non obstante as grandes diferenzas chegaron na segunda metade do partido, cando foron os locais quen xogaron con máis cabeza e souberon ler mellor cada situación, mentres que os do Meco non eran quen de atacar con calma, o que provocaba que ao chegar ao campo rival houbese un tiro con rebote para os contrarios e contraataque con canastra. Todo isto provocou que unha diferenza de puntos que podería ter sido menor, rematase quedando en 21 puntos. Así mesmo, a intensidade do ataque dos ourensáns fíxose palpable na grande cantidade de rebotes ofensivos que colleron, e que converteron en canastras. Cabe destacar o partido que fixo o xogador do Cruz Alta Veras, V.A, quen anotou 31 puntos cun alto porcentaxe de acerto, fallando tan só un tiro de 2 puntos e un tiro libre.

Neste segundo encontro de liga os xogadores do Meco non foron quen de atopar esa tranquilidade e temperamento necesarios para recuperar o control do partido
e para marcar o ritmo do xogo, calma que si foron quen de recuperar na xornada anterior e que lles outorgou a vitoria contra o C.B. O Grove tras un partido moi igualado.

Na terceira xornada da 2ª División Sénior Masculina, o CB O Meco recibirá ao Vinoteca Lembranza Liceo. Un partidos que se prevé igualado, e onde os liceístas chegarán despois de sumar as 1 vitoria e 1 derrota nos 2 partidos disputados.


15.10.2011:
Dous aspectos a destacar este sábado. Un é a primeira vitoria do equipo cadete masculino, e o outro o debut dos dous equipos infantiles.

O equipo de O Meco Bar Manos venceu na súa visita á pista do Estudiantes Hotel da Barca. Non o tiveron fácil os xogadores de Manu Bello, xa que ao descanso perdían por 6 puntos, 29 a 23. A pista da Xunqueira sempre é complicada, pero os nosos xogadores foron capaces de remontar na segunda parte. Ao final do 3º cuarto, o marcador xa mostraba un 29 a 41 favorable, e a partir dese momento os nosos foron capaces de ampliar á diferenza ata o 54 - 60 final.

Na tarde de hoxe disputáronse dous partidos infantís no Monte da Vila, e ambos supoñían o debut dos nosos equipos en competición.

O equipo infantil masculino de O Meco Indicadores atopou un rival cómodo no Basket Deza. Os xogadores de Lalín víronse desbordados durante todo o encontro polo noso equipo, aínda así hai que destacar a súa loita ata o final. O resultado final de 107 a 3 xa mostra a diferenza actual entre os dous conxuntos. Aos nosos quédalles o obxectivo de seguir mellorando para cando cheguen partidos máis competidos.



O equipo infantil feminino de O Meco Astegal non tivo a mesma sorte. As rapazas de Yago Rego comezaron dominando o partido, e mantivéronse por riba durante o 90% do tempo, pero a falta de 3 minutos para o final, o Dorna empuxou máis e conseguiu levarse a vitoria. Unha mágoa para as nosas xogadoras, que mereceron gañar tanto como o rival, pero o desacerto no rebote defensivo e o exceso de tiros exteriores condenounos nos minutos finais.


14.10.2011:
Está actualizado o apartado circular, no que podes consultar os horarios dos partidos, saídas, etc... Lembra que os xogadores deben comunicar a súa ausencia se non poden ir a xogar, xa que os compañeiros pódense ver perxudicados por esto.

12.10.2011: Xa están añadidos na web os calendarios dos equipos infantís, tanto o masculino como o feminino empezan xogando este sábado na casa.

A partir desta semana a web distinguirá a un dos xogadores do C.B. O Meco co premio "XOGADOR DA XORNADA". Na primeira nominación non podía ser outro que Dani Prol, grazas aos seus 42 puntos no derbi contra o C.B. O Grove.



Dani Prol (1 vez elixido xogador da xornada)


10.10.2011: Estamos ante unha semana importante para os equipos infantiles. Ambos comezan a competición de liga xogando nesta fin de semana na  casa. Despois de case dous meses de preparación, chega a hora de poñer en práctica o aprendido.


09.10.2011: As cadetes veñen de perder por 56 a 55 contra o Marín Peixegalego, escapándoselles a vitoria na última xogada. O principio do partido parecía que ía a ser esperanzador, xa que o primeiro cuarto pechábase cun 5 a 17 a favor. Pero a partir dese momento o xogo das nosas foi decaendo. O equipo local conseguía ir reducindo as diferenzas, os 12 puntos de vantaxe caían a 4 no segundo cuarto e a só 1 no terceiro. Cun partido axustado, o Peixegalego soubo xogar mellor as súas opcións. Na última xogada conseguiron anotar e situar o marcador final no 56 a 55.

Na próxima semana as nosas rapazas descansarán, pero comeza agora o traballo de preparar o partido contra o Extrugasa Río Ulla, actual líder da clasificación.


08.10.2011:
Tivemos unha mañá moi intensa este sábado, á primeira hora xogáronse 3 partidos contra equipos do Arxil no Monte da Vila. Benxamíns Feminino, Alevín Feminino "B" e Alevín Feminino "A".


Depois o baloncesto desprazouse cara o pavillón do colexio Conmeniño, no que contra equipos do BBC, xogaron os Benxamíns Masculino e o Alevín Masculino. Para pechar a matinal, o equipo Infantil Masculino enfrontouse ao BBC "A", con este partido pecha a pretempada agardando o primeiro partido de liga a vindeira semana, na que xogará contra o Basket Deza.

Todo isto para ir abrindo boca de cara ao punto álxido da xornada, que era o estreo do equipo sénior.


Como todo bo derbi, cumpríronse os tópicos que falan sobre a non existencia de favoritos, a intensidade, a emoción e a rivalidade. Pero se hai unha máxima neste deporte, é a que di que ata o final non se pode dar un partido por gañado.

Os primeiros minutos do encontro estiveron marcados polas imprecisións, ningún dos dous equipos era capaz de xuntar dúas boas accións seguidas, e o conxunto que melor ía aproveitar isto era o C.B. O Grove. O noso xogo abusaba do tiro de 4-5 metros, e empezouse a ver unha das constantes que ía a marcar o noso ataque durante o partido, unha pésima porcentaxe de tiro exterior. Con todo isto, o C.B. O Grove apuntábase o primeiro parcial por 10 a 16.

A partir do segundo cuarto o conxunto visitante empezou a dominar o xogo. Con accións de 1x1, canastra tras perda rival, ou co tiro exterior... o C.B. O Grove empezou a coller unha vantaxe que roldaba os 10 puntos. E o peor de todo, era que os locais non eran capaces de buscar alternativas. O mellor cuarto dos visitantes, cun parcial de 17 a 21, deixáballes un aspecto negativo nas faltas cometidas. Os xogadores importantes do C.B. O Grove empezaban a cargarse con 2 e 3 faltas, e iso sempre pasa factura en finais axustados. Ao descanso chegouse cun 27 a 37, e coa sensación de que o C.B. O Meco non podía empeorar o seu xogo.

Pero ao principio do terceiro cuarto non aparecían os signos de recuperación, empezou a xurdir unha dinámica de "facer a goma" que era moi perigosa. Cada vez que o equipo de Manu Bello se poñía a 3-5 puntos, os xogadores de Manuel Sanmartín lograban anotar unha tripla, sacar canastra dun rebote ofensivo... que os volvía a situar a +10. A pesar de todo, o equipo conseguiu anotarse este cuarto cun parcial de 19 a 18, poñendo o marcador en 46 - 55.

No principio do último cuarto o C.B. O Grove seguía a dominar no marcador, pero xa notaba como as faltas persoais reducían a súa rotación, provocaban que baixase a súa intensidade defensiva, e facían presaxiar que os minutos finais ían ser axustados. O noso equipo ía a conseguir empezar un novo partido a falta de 5 minutos.

Despois de 35 minutos sen conseguir anotar nin unha soa tripla, apareceron Bruno e Caye para encadear dúas seguidas e poñer o marcador nun 62 a 62. A partir destes intres o C.B. O Grove viuse superado pola defensa do C.B. O Meco. Varios roubos de balón e varias canastras tras rebotes defensivos daban a primeira vantaxe aos locais cun 70 a 66. Os visitantes vían cada vez o aro máis pequeno, e pouco a pouco os nervios íanlle apagando as luces en ataque. Pola contra, os locais levados polo xúbilo do numeroso público que se deu cita no pavillón, estaban a conseguir un parcial de 39 a 17 digno do mellor festival ofensivo da ACB. Esta diferenza de + 22 en 10 minutos puxo a todos os seareiros de pé cando os corenta minutos remataron.



Hai que destacar a todos os seareiros do C.B. O Meco, que unha vez máis abarrotaron as gradas e convertiron o Pavillón Monte da Vila nunha auténtica caldeira a presión. Toda a masa social do club fai que o equipo se sinta arroupado por un 6º xogador.



E como anécdota curiosa, por primeira vez na historia o equipo sénior durmirá como líder da 2ª División Sénior Masculina.




06.10.2011: a web da Federación Galega de Baloncesto destaca o partido C.B. O Meco - C.B. Grove (Sábado 18:00) como un dos máis interesantes desta fin de semana. Ver noticia.

Están actualizados os horario dos partidos desta fin de semana. Temos dous encontros oficiais, o do sénior e o das cadetes. Pero cobra gran importancia o sábado pola mañá, xa que a partir das 10:00 vanse a xogar 6 amigables contra equipos do Arxil (Pontevedra) e o BBC (Vilagarcía).

Podes manterte informado en tempo real a través de twitter. E por suposto, daremos boa conta de todo o que pase na familia do C.B. O Meco a través desta web.


05.10.2011:
"Unha vez mais noraboa a tódolos adestradores que se están deixando a pel na pista. E iso que aínda non empezamos a tempada. Este vai ser un ano de loucura." - Anxo Cornes (director deportivo do C.B. O Meco).

Achegarse un mércores ou venres ao pavillón é algo impresionante. A capacidade da pista empeza a quedarse pequena ante a marea de ilusión que desbordan os nosos benxamíns e alevíns. Ver a máis de 70 rapaces co seu balón impresiona, infude respecto, e confírenos unha gran responsabilidade. Por iso, hai que agradecerlle a toda esa xente que se está a volcar co club a súa implicación: o propio Anxo, Clara, Mar, Xoel, Danny, Rodri, David, Chavo, Bea, Andrea, Raúl, Laura, Mili, Ana, Chavo, Manu... á directiva, e a todos aqueles que fan posible que dende o primeiro ata o último rapaz, reciba a mellor atención posible.



No día de hoxe empezouse a distribuír polos locais, comercios, etc... de O Grove, o cartel que anuncia o partido do equipo sénior.

Información de Todogrove: "Derbi do centolo - Comeza xa a tempada para os sénior do CB O Meco e, tras varios anos, outra vez o inicio da liga contempla un derbi local, xa que os veciños do CB Grove disputarán este ano a competición autonómica. A coincidencia deste tipo de enfrontamento coas datas da Festa do Marisco fai que o encontro se coñeza xa popularmente como o “derbi do centolo”. A cita será o vindeiro sábado 8 ás 18 horas no Monte da Vila."


04.10.2011:
Engadiuse á sección "Documentación" un apartado de "Enlaces". A través dos links podedes acceder a distintas páxinas que poden resultar de utilidade: Federación Galega, clubs de baloncesto, prensa, etc...

Bo ambiente no equipo sénior na semana de inicio da competición. No adestramento do luns, os "rookies" cumpriron coa tradicional ofrenda aos xogadores máis veteranos. Na imaxe vemos como deron conta duns saborosos donuts.




03.10.2011:
Toda a familia do C.B. O Meco quere facerlle chegar a Nuria Prieto os nosos desexos dunha pronta recuperación. A nosa boa e fermosa xogadora benxamín, vai estar apartada da cancha e dos seus amigos durante un tempo, debido a unha lesión na perna. Agardámoste o antes posible Nuria, xa te estamos a botar en falta.


02.10.2011:
A longa xornada de baloncesto foi pechada por unha expedición Meca, composta por equipos alevíns e benxamíns, que se desprazaron na tarde deste domingo a Vilagarcía.

Dende o C.B. O Meco temos que agradecerlle ao C.B. Vilagarcía a súa invitación para xogar, no que era a presentación diante do seu público.

Todos os partidos foron moi vistosos e disputados, cos máis pequenos facendo as delicias dun montón de pais que se deron cita no pavillón de Castelao.

Nos equipos do Meco hai que destacar a experiencia dos rapaces na pista, neste aspecto hai que recoñecer a importancia que dende fai 2 anos ten para o club a liga minimeco.



Na tarde de onte o equipo sénior realizou un partido moi completo ante o Marín Peixegalego.

Crónica Sénior por Sandra Mourelos:
No seu último partido preparatorio antes de comezar a liga, os sénior do C.B. O Meco, liderados por Manu Bello e Raúl Salgado, demostraron estar a punto para a competición. A pesar de contar con baixas, os nosos xogadores irradiaron enerxía no campo, dando guerra ante un Marín Peixegalego que non puido facer fronte aos contraataques e á intensidade defensiva do Meco. O noso equipo impúxose ante os visitantes, que só no segundo cuarto foron quen de igualar en anotacións ao equipo local (12 e 13 puntos respectivamente). Xa logo do descanso, os nosos despegáronse no marcador até chegar ao resultado final de 81-45 puntos. Cabe destacar tamén a actuación das novas fichaxes do Meco (Borja e Nacho), que conseguiron integrarse tan ben neste equipo de rapaces que levan tantos anos xogando xuntos, integración que se fixo palpable na calidade do xogo no 5x5 e no equilibrio de anotación dos xogadores (todos anotaron entre 10 e 12 puntos).

Cara e cruz para os equipos cadetes.



Os rapaces de O Meco Bar Manos, caeron derrotados ante o Sealga Liceo xogando un gran partido. Para todos aqueles que sexan capaces de facer un pouco de memoria, este partido foi unha proba obxectiva da progresión deste grupo. Fai dous anos, o Liceo non tiña complicación á hora de gañarnos grazas á súa superioridade física. Onte, tiveron que botar man dun último parcial de 4 a 9 para levarse a vitoria. Só a falta de chispa nos últimos minutos fixo que os nosos non se puideran levar o partido. A cruz da xornada para eles, pero de seguir así rapidamente lle darán a volta á moeda.



A cara foron as rapazas de O Meco Euromantenimiento, o equipo sumou a primeira vitoria a conta do Suminox Salnés Liceo. Despois dun comezo moi dubitativo, aos 5 minutos de xogo o marcado mostraba un 2 - 2, as xogadoras de Dani Prol foron capaces de ir subindo a intensidade defensiva pouco a pouco, ata acadar un parcial de 15 - 1 no terceiro cuarto. A partir dese momento, todas as xogadoras dispuxeron de minutos de xogo.




01.10.2011:
Comezamos con forza o mes de outubro, durante o cal se botan a andar a maioría das competicións.

Esta fin de semana vén marcada polos numerosos partidos amigables que xogan os nosos equipos.



Durante a mañá de hoxe pasaron polo pavillón de O Pombal, en Cambados, os equipos alevín masculino "A", alevín feminino "A", infantil masculino e infantil feminino.

Os equipos alevíns deixáronnos moi boas impresións. Sendo o primeiro partido que xogan nesta tempada, ambos conxuntos se mostraron con moitas gañas e ilusión por agradar a adestradores e pais.

Ao rematar estes partidos saltaron á pista os rapaces do equipo infantil. O partido tivo dúas partes de xogo no que o dominio foi alterno. Durante a primeira parte, o Xuven estivo moito máis acertado que os nosos, sobre todo en ataque onde anotaron 4 triplas e lograban mover o balón con moita fluidez en ataque estático. Na segunda parte, o ritmo de xogo achegouse máis aos nosos intereses, contraataques e transicións moito máis rápidas. A 7 segundos para o final o equipo poñía o 31 - 33 no marcador, cun último ataque para o Xuven, que non foi capaz de anotar.

E por último, as rapazas do equipo infantil pechaban a xornada matinal. O Xuven levou o dominio durante todo o encontro, e as nosas xogadoras alternaban momentos bos con outros de lagoas no xogo. O reparto de minutos foi un factor importante, xa que Anxo dispoñía de 15 xogadoras, e fixo que todas participaran no xogo.

Aos dous conxuntos infantiles quédalles moito traballo por diante durante esta tempada, xa que ningún dos dous brillou, pero teñen potencial e moito marxe de mellora con traballo.

Regreso al contenido | Regreso al menu principal