Setembro 2011 - C.B. O MECO

Vaya al Contenido

Menu Principal

Setembro 2011

Actualidade > Arquivo

15.10.2011: Dous aspectos a destacar este sábado. Un é a primeira vitoria do equipo cadete masculino, e o outro o debut dos dous equipos  infantiles.

O equipo de O Meco Bar Manos venceu na súa visita á pista do Estudiantes Hotel da Barca. Non o tiveron fácil os xogadores de Manu Bello, xa que ao descanso perdían por 6 puntos, 29 a 23. A pista da Xunqueira sempre é complicada, pero os  nosos xogadores foron capaces de remontar na segunda parte. Ao final do 3º cuarto, o marcador xa mostraba un 29 a 41 favorable, e a partir dese momento os nosos foron capaces de ampliar á diferenza ata o 54 - 60 final.

Na tarde de hoxe disputáronse dous partidos infantís no Monte da Vila, e ambos supoñían o debut dos nosos equipos en competición.

O equipo infantil masculino de O Meco Indicadores atopou un rival cómodo no Basket Deza. Os xogadores de Lalín víronse desbordados durante todo o encontro polo noso equipo, aínda así hai que destacar a súa loita ata o final. O resultado  final de 107 a 3 xa mostra a diferenza actual entre os dous conxuntos. Aos nosos quédalles o obxectivo de seguir mellorando para cando cheguen partidos máis competidos.



O equipo infantil feminino de O Meco Astegal non tivo a mesma sorte. As rapazas de Yago Rego comezaron dominando o partido, e mantivéronse por riba durante o 90% do tempo, pero a falta de 3 minutos para o final, o Dorna empuxou máis e conseguiu  levarse a vitoria. Unha mágoa para as nosas xogadoras, que mereceron gañar tanto como o rival, pero o desacerto no rebote defensivo e o exceso de tiros exteriores condenounos nos minutos finais.


14.10.2011:
Está actualizado o apartado circular, no que podes consultar os horarios dos partidos, saídas, etc... Lembra que os xogadores deben comunicar a súa ausencia se non poden ir a xogar, xa que os compañeiros pódense ver  perxudicados por esto.

12.10.2011:
Xa están añadidos na web os calendarios dos equipos infantís, tanto o masculino como o feminino empezan xogando este sábado na casa.

A partir desta semana a web distinguirá a un dos xogadores do C.B. O Meco co premio "XOGADOR DA XORNADA". Na primeira nominación non podía ser outro que Dani Prol, grazas  aos seus 42 puntos no derbi contra o C.B. O Grove.



Dani Prol (1 vez elixido xogador da xornada)


10.10.2011: Estamos ante unha semana importante para os equipos infantiles. Ambos comezan a competición de liga xogando nesta fin de semana na  casa. Despois de case  dous meses de preparación, chega a hora de poñer en práctica o aprendido.


09.10.2011: As cadetes veñen de perder por 56 a 55 contra o Marín Peixegalego, escapándoselles a vitoria na última xogada. O principio do partido parecía  que ía a ser esperanzador, xa que o primeiro cuarto pechábase cun 5 a 17 a favor. Pero a partir dese momento o xogo das nosas foi decaendo. O equipo local conseguía ir reducindo as diferenzas, os 12 puntos de vantaxe caían a 4 no segundo cuarto  e a só 1 no terceiro. Cun partido axustado, o Peixegalego soubo xogar mellor as súas opcións. Na última xogada conseguiron anotar e situar o marcador final no 56 a 55.

Na próxima semana as nosas rapazas descansarán, pero comeza agora o traballo de preparar o partido contra o Extrugasa Río Ulla, actual líder da clasificación.


08.10.2011:
Tivemos unha mañá moi intensa este sábado, á primeira hora xogáronse 3 partidos contra equipos do Arxil no Monte  da Vila. Benxamíns Feminino, Alevín Feminino "B" e Alevín Feminino "A".


Depois o baloncesto desprazouse cara o pavillón do colexio Conmeniño, no que contra equipos do BBC, xogaron os Benxamíns Masculino  e o Alevín Masculino. Para pechar a matinal, o equipo Infantil Masculino enfrontouse ao BBC "A", con este partido  pecha a pretempada agardando o primeiro partido de liga a vindeira semana, na que xogará contra o Basket Deza.

Todo isto para ir abrindo boca de cara ao punto álxido da xornada, que era o estreo do equipo sénior.




29.09.2011:

PREVIA DA XORNADA



Como prato forte de última hora, esta fin de semana poderemos gozar dun dos mellores partidos que pode ofrecer a 2ª División Sénior Masculina. A partir das 20:00 no  Monte da Vila, o noso equipo mídese ao Marín Peixegalego. Unha oportunidade de ver bo baloncesto ante un rival que o ano pasado a piques estivo de xogar a fase de ascenso. Tamén será unha oportunidad de comprobar as evolucións dos nosos  e a presentación de Borja Franco e Nacho Rey como novos xogadores do plantel.




O equipo cadete xoga este sábado o segundo encontro de liga fronte o Liceo de Vilagarcía. O equipo que dirixe Manu Bello afronta este encontro sabedor da dureza do rival. O  calendario foi caprichoso, e deparou que nas dúas primeiras xornadas, o noso equipo se enfronte aos dous favoritos para o ascenso. Na primeira xornada o BBP venceu ao Meco por 74 - 39 mentres que o Liceo gañou ao Dorna por 85 - 26.

Os cadetes intentarán seguir mellorando e deixar unha boa imaxe no seu debut ante os seareiros.



O equipo cadete feminino xoga o domingo, tamén contra o Liceo. As rapazas de Dani Prol e Nacho Rey teñen a oportunidade de estrear o apartado de vitorias ante o equipo de Vilagarcía.  Pero non se poden relaxar, xa que o Liceo sempre é un rival que loita ata o último segundo. Ambos conxuntos veñen de perder na primeira xornada, as nosas cadetes contra o Arxil "B" por 38 - 29 e o Liceo contra o Peixegalego por 26 - 39. Co que  o partido preséntase vital para ambos conxuntos.



Os dous equipos alevíns "A" e os dous infantiles xogarán o sábado pola mañá contra o Xuven de Cambados. Os catro partidos son amigables e serven como preparación  ante o inicio das competicións. O equipo infantil masculino xa xogou 2 amigables contra o BBC e esperan aproveitar esta ocasión para seguir mellorando. O equipo infantil feminino debuta da man de Yago Rego. Os alevíns "A", tanto masculino como  feminino seguro que nos dan moitos momentos de bo baloncesto este ano.



Os nosos alevíns "B" e os benxamíns foron invitados polo C.B. Vilagarcía para xogar amigables o domingo pola tarde. O C.B. Vilagarcía inicia este ano un proxecto de traballo coa base, e para a súa presentación na casa invitaron  ao C.B. O Meco. Queremos agradecerlle ao C.B. Vilagarcía o seu ofrecemento e agardamos pasar unha boa tarde.

Temos toda unha fin de semana repleta de bo baloncesto. NON PODES PERDER ESTA OPORTUNIDADE!!!
Toda a información sobre partidos, rivais, horarios, etc... tédela no apartado circular.



28.09.2011:
Está actualizado a apartado circular  cos horarios dos partidos desta fin de semana.

O Diario de Pontevedra recolle na súa edición do martes os resultados das categorías cadetes.




26.09.2011:
En breve, darán comezo o resto das competicións, e con elas a armada do Meco,  que este ano aumentou en cantidade, porase en marcha. A vindeira  fin de semana os equipos de minibasket teñen partidos amigables. O CB Vilagarcía invitounos a xogar o domingo pola tarde na presentación dos seus equipos.



Lembrámoslle a todos os xogadores que, durante esta semana, deben entregar a documentación necesaria para a tramitación da licencia
e o seguro. A semana pasada repartíronse os formularios da autorización e un papel coas instruccións,  pero se alguén o precisa de novo, pode descargalo no seguinte enlace ou pedilo na oficina do club.

Documentación:
2 fotos carné.
Fotocopia do DNI.
Autorización paterna firmada (autorización).


25.09.2011:
Debut das cadetes contra o Arxil "B" en Pontevedra.  Ao igual cos rapaces, o equipo formado integramente por xogadoras de 1º ano , tomou unha proba do que vai ser a liga. O Arxil obrigounos a loitar  at a o último segundo estando sempre en inferioridade física.

Durante a primeira parte, o equipo de Dani Prol e Nacho Rey, acusou o feito de ter que enfrontarse no primeiro partido, e case sen rodaxe, a un dos candidatos a estar nos postos altos da clasificación. Ás nosas xogadoras custáballes superar a presión rival, e cando o facían, os ataques non tiñan claridade.

A pesar disto, o marcador ao descanso mostraba un 20 - 11 e a sensación de que a vantaxe era máis por erros nosos que por acerto do rival. O parcial de 8 a 3 que no segundo cuarto nos endosou o Arxil "B" sería clave ao final do partido.

No terceiro cuarto o equipo conseguiu empezar a mover mellor o balón e a anotar, pero a defensa seguía alimentando ao Arxil xa que conseguía provocarnos perdas que aproveitaban para anotar en contraataque, e sacar numerosas faltas, que condicionaban as rotacións de Dani Prol.

No último cuarto as nosas xogadoras fixeron un esforzo por recortar as distancias, pero a pesar de gañar este período por 8 a 9, o Arxil "B" soubo xogar coa renda acadada.

Ao igual que onte os rapaces, as rapazas tiveron que facer fronte a un xogo máis físico, e non foron capaces de adaptarse completamente a esta esixencia. Queda pois, como materia pendente, a adaptación a esta forma de xogar e arbitrar.

Na vindeira xornada o equipo enfróntase ao Liceo Casino de Vilagarcía co obxectivo de seguir mellorando e conseguir a primeira vitoria.


24.09.2011:
Esta mañá, o equipo cadete masculino, enfrontouse ao Baloncesto Base Pontevedra no Pavillón Multiusos, caendo por 74 a 39.

O nosos xogadores resistiron durante o primeiro cuarto, no que ao remate se chegou cun resultado de 15 a 11. Pero a partir da metade do segundo cuarto, a superioridade física do BBP empezou a facerse notar.

Durante todo o partido, o BBP dispuxo unha defensa individual a todo o campo, que desgastaba aos nosos xogadores, e pouco a pouco ía provocando que cometeramos máis perdas e chegaramos con menos claridade ao ataque.

Ao descanso chegouse cun marcador de 37 - 22, pero o traballo do BBP en defensa empezaba a notarse. Canto máis tolo se volvía o partido, peor parados saiamos, xa que o BBP aproveitaba para conseguir parciais a favor, e as nosas imprecisións e cansazo acumulado facían que só anotarmos 4 puntos no terceiro cuarto (condicionados pola torcedura de Xoel, que se tivo que sentar no banco), mentras que os locais sumaban outros 20 puntos neste período.

No último cuarto, o equipo xuntou as forzas que lle quedaban para ofrecer un último esforzo. O BBP seguiu aproveitando a súa superioridade física para anotar dende o poste baixo e conseguir segundas oportunidades de tiro, que facían que o partido avanzase con comodidade para os seus intereses.

Ao final do partido o marcador mostraba un BBP 74 - O Meco 39. O equipo non se deu por vencido en ningún momento, e loitou ata o final ante un dos favoritos para rematar na parte alta da clasificación. Esta tempada vai ser todo un reto para os nosos rapaces, xa que a maioría dos partidos serán contra rivais que a priori parten con vantaxe física e de experiencia na categoría.

O próximo partido será contra o Sealga Liceo na casa, outro rival duro contra o que o equipo de Manu Bello terá que volver a esforzarse durante os corenta minutos.


22.09.2011:
Cando dende o club pensabamos que nada nos podía sorprender xa, chegan os nenos prebenxamíns e benxamíns (1º, 2º, 3º e 4º de primaria), e déixannos coa boca aberta. ¡Tremenda a cantidade de rapaces que se incorporaron este mércores á familia do C.B. O Meco!... ¡¡¡e falta moita máis xente que xa nos comunicou o seu interese!!!

Isto demostra a gran aceptación que ten o proxecto do club entre pais e nenos, que dende fai uns anos veñen depositando a súa confianza en nós.

E sobre todo, obríganos a aumentar o noso esforzo para seguir a ofrecer unha actividade de calidade no plano deportivo e formativo. Nos próximos adestramentos vaise a facer unha redistribución axeitada dos grupos para que todos os nenos reciban unha atención adecuada, tal e como merecen.

A escola de baloncesto (1º, 2º, 3º e 4º de primaria), segue aberta para todos aqueles que se queiran unir a nós, o próximo venres en horario de 16:00 a 17:00.


21.09.2011:
Os xogadores dos equipos infantiles (anos 1998-99), tanto masculino como feminino, teñen que entregar aos seus adestradores a documentación necesaria para tramitar a licencia o antes posible:

2 fotos carné.
Fotocopia do DNI.
Autorización paterna firmada (enlace autorización).


20.09.2011: Lémbrase a todos aqueles xogadores que mercaron o pack de roupa Legea que teñen que abonar o antes posible o custe da serigrafía e bordados en cero 60, o comercio de Conchi e Nuria. O  importe son 10,40 euros.

É necesario facer o pago o antes posible para axilizar a entrega da roupa. A xunta directiva pide que se corra a voz entre os membros de cada equipo para poder dispoñer da roupa na maior brevidade posible.

Esta fin de semana comezan as ligas cadetes. Os nosos equipos xogan ambos fóra da casa, o masculino en Pontevedra contra o BB Pontevedra e o feminino contra o Arxil "B". (Foto. José Dopazo).

Os dous conxuntos teñen desprazamentos complicados, xa que se enfrontan a equipos que parten como favoritos para acabar na parte alta da clasificación. Igual que fai 2 anos, cando comezaran a etapa infantil, os nosos xogadores e xogadoras parten coa desvantaxe de ser a gran maioría de primeiro ano, pero contan coa ilusión e as gañas de competir que caracterizan aos equipos do Meco.

A partir de agora, o apartado "Actualidade/Circular" cobra unha gran importancia, xa que a través desta sección, pódense consultar todos os partidos, rivais, horarios, etc... de cada xornada. Tamén recordamos que no apartado "Documentación/Pavillóns", poñemos a disposición as localizacións das pistas de xogo.

Empeza o bo baloncesto, lembra que podes seguir os resultados a través do twitter do club.


19.09.2011: A nova páxina web do C.B. O Meco recibiu durante o primeiro mes de vida máis de 1.600 visitas. Unha gran noticia tendo en conta que o arranque estivo marcado por unha etapa na que o club non estaba dentro de ningunha competición por atoparse en época estival.

Segundo a aplicación google analytics, dende o período que vai entre o 17.08.2011 ata o 16.09.2011, houbo un promedio de 53 visitas diarias, cun total de 3.107 páxinas visitadas con 389 usuarios únicos. (Podes consultar os datos pinchando na imaxe).

Todos estes datos fan que a páxina web do C.B. O Meco se consolide como unha ferramenta de comunicación entre todos os membros do club e seareiros.

O conxunto de páxina web, revista, redes sociais, etc... pretenden achegar a todas aquelas persoas interesadas, o mundo do C.B. O Meco. Así, non todas esas 1.600 visitas se centran na zona do Salnés, podemos atopar 444 visitas dende Vigo, 146 dende Madrid, 39 dende Barcelona, 31 dende A Coruña, 17 dende Santiago... e así pasando por Ourense, Lugo, Burgos, Zaragoza, Málaga, Oviedo, Valladolid... E a todo isto, súmanse as visitas dende Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Arxentina.

Con estes datos, O C.B. O Meco demostra que é unha "marca" con ampla difusión, e devolve aos seus patrocinadores á confianza e o apoio mostrado, demostrando que xuntos... chegamos máis lonxe.


18.09.2011: Ao longo do día de onte tres equipos do Meco desprazáronse á Vilagarcía de Arousa para enfrontarse a equipos do BBC.

Os cadetes foron os primeiros en xogar perdendo no seu enfrontamento por 8 puntos. Os nosos xogadores cometeron os típicos faios dun partido de pretempada, e notaron a pouca participación de Antonio e Saulo, que sufriron golpes durante o xogo e non se puideron reincorporar.

Xa pola tarde, os infantís enfrontáronse aos dous equipos infantís do BBC. Isto fixo posible que todos os nosos xogadores puideran gozar de minutos. O equipo impúxose nos dous partidos: BBC A 23 - O Meco 54 e BBC B 12 - O Meco 52.

Xa para pechar a xornada, os sénior xogaron contra o Viniequip BBC. O equipo de Manu Bello e Raúl Salgado chegaba ao partido coas baixas de Cayetano e Chavo, ás que durante a primeira parte se sumou a de Jon. Como pasou cos cadetes, foi un partido con moitas imprecisións e falto de ritmo. O BBC loitou durante todo o partido para que O Meco non abrira unha renda cómoda, e logrouno. O resultado final foi Viniequip BBC 46 - O Meco 51, un marcador bastante baixo que indica que a ambos equipos aínda lles falta coller ritmo de competición.


16.09.2011: No día de hoxe a FEGABA deu a coñecer os grupos de xogo para a 2ª División cadete, tanto masculina como feminina.

O equipo masculino, que adestra Manu Bello, quedou encadrado no grupo F. Este grupo está formado polos seguintes equipos:

   O Meco

   Marin Peixegalego B

   Dorna

   Extrugasa Río Ulla

   Sigaltec BBC

   O Grove Amalfi

   Xuven

   Basket Deza

   BB Pontevedra

   Sealga Liceo

   Hotel da Barca

   Maristas C.


A liga dará comezo a próxima fin de semana, na que os nosos xogadores se desprazarán a Pontevedra, para enfrontarse ao BB Pontevedra. Na segunda xornada recibirán no Pavillón Municipal Monte da Vila ao Sealga Liceo.

O equipo feminino, que este ano dirixe Dani Prol, quedou encadrado no grupo D:


   O Meco

   Marín Peixegalego

   Extrugasa Río Ulla

   AD Cortegada

   Xuven

   Arxil "B"

   Liceo Casino


Igual que os rapaces, elas tamén comezan xogando fóra. O 25 de setembro visitarán ao Arxil "B" en Pontevedra, para sete días despois recibir ao Liceo Casino.

Co novo formato de ligas FEGABA, os primeiros clasificados de cada grupo competirán nunha fase final para ascender á 1ª División.

Nos próximos días actualizaranse as seccións de cada equipo cos calendarios completos de xogo.


15.09.2011: Xa están confirmados os primeiros encontros da pretempada. Este sábado, 3 equipos do Meco desprazaranse a Vilagarcía de Arousa para enfrontarse en partidos amigables ao Basket Base Club (BBC).

O equipo cadete masculino xogará ás 12:00, o infantil masculino ás 16:30 e por último o equipo sénior ás 19:00.

Esta será unha boa oportunidade para que os xogadores do Meco poñan en práctica o traballado ata o de agora nos adestramentos, e que os seareiros poidan ver ao seu equipo despois de algo máis de 2 meses de parón.


13.09.2011: Este mércores empezan os adestramentos para os rapaces e rapazas da categoría benxamín (1º, 2º, 3º e 4º de primaria) a partir das 16:15 no Monte da Vila.
Todos aqueles nenos que desexen xogar ao baloncesto están invitados a gozar coa familia do C.B. O Meco.

Onte, Borja Franco incorporouse aos adestramentos do equipo sénior. Pouco a pouco os xogadores van collendo a forma de cara ao seu estreo ligueiro o vindeiro 9 de outubro.

O club está a traballar na programación dos primeiros amistosos da tempada, daremos información os próximos días.


12.09.2011: Este mércores 14 volven a adestrar os equipos benxamíns. Os rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria teñen unha cita cos seus amigos, a pelota e a canastra. Os adestramentos serán nos seguintes horarios:

   Mércores: de 16:15 a 17:15 - Pavillón Municipal Monte da Vila.

   Venres: de 16:00 a 17:00 - Pavillón Municipal Monte da Vila.


Os alevíns, 5º e 6º de primaria, xa comezaron os adestramentos o pasado mércores. Os seus horarios son:

   Mércores: de 17:15 a 18:15 - Pavillón Municipal Monte da Vila.

   Venres: de 17:00 a 18:00 - Pavillón Municipal Monte da Vila.


Todos aqueles que teñan interese en formar parte da familia do C.B. O Meco, poden consultar nestes horarios, no Pavillón Municipal Monte da Vila, e teñen a súa disposición o tríptico informativo no seguinte enlace: tríptico tempada 2011-2012.

Os horarios tamén están dispoñibles no seguinte enlace: horarios tempada 2011-2012.


08.09.2011:
Despois de estrearse o mércores co primeiro adestramento da tempada, os rapaces e rapazas dos anos 2000 e 2001 teñen este venres a súa segunda cita co balón a partir das 17:00 no Pavillón Monte da Vila.

A volta ao cole traerá tamén consigo a volta ás pistas das categorías benxamíns. Cando os máis peques volvan a botar polo pavillón completarase a posta en marcha da tempada 2011-2012

Todos aqueles xogadores que se fixeran co pack de roupa Legea poden abonar xa o custe da serigrafía e bordados en 0.60, o comercio de Conchi e Nuria. O importe son 10,40 euros.

O traballo de recepción, clasificación, reparto, etc... de todas as equipacións supuxo un esforzo por parte de toda a directiva e colaboradores, deixando imaxes curiosas como a de Mili rodeada de bolsas de equipacións.

E como sempre, o C.B. O Meco sigue investindo na mellora dos seus adestradores. O pasado mes de xullo, Dani Franco completou a fase presencial do curso de 2º nivel. Este esforzo que fai o club vai encamiñado a que todos os nosos xogadores reciban a mellor formación posible.


07.09.2011: O vindeiro 9 de outubro dará comezo unha nova tempada na categoría sénior autonómica, este ano marcada pola nova estrutura das ligas galegas, que fai que se pase a chamar 2ª División Sénior Masculina. Os 24 equipos inscritos buscarán o ascenso á 1ª División Sénior Masculina divididos en 2 grupos de 12 participantes.

Unha vez que a FEGABA dou a coñecer aos equipos participantes, faltaba por coñecer a división dos grupos e o calendario, estes datos xa están dispoñibles na súa web (www.fegaba.com).

O noso equipo sénior quedou encadrado no grupo sur, e comezará a competir xogando o seu primeiro partido na casa contra o C.B. O Grove, equipo debutante na categoría. A coincidencia en datas coa festa do marisco, e a coincidencia en datas doutros derbis, xa está a provocar que este partido se coñeza popularmente como "o derbi do centolo".

Podes consultar o calendario no seguinte enlace - calendario sénior.


06.09.2011: Os nosos alevíns póñense en marcha, mañá mércores, a partir das 17:15 no Pavillón Monte da Vila. Arrancan así os nenos e nenas nacidos nos anos 2000 e 2001, que un ano máis, van a facer as delicias de todos os que se acheguen ao pavillón.

Os rapaces e rapazas que queiran xogar ao baloncesto pódense unir esta tempada á familia do C.B. O Meco.

Agardámosvos!!!


05.09.2011: Xa están dispoñibles os horarios de adestramento para os distintos equipos do club. Podes acceder a el pinchando na imaxe ou na sección "Documentación".

Estes horarios poden sufrir aínda algunha modificación, así que sempre hai que tomar como referencia as horas que marque cada adestrador.

Os alevíns (2000-2001) comezan a adestrar este mércores día 7, será a partir das 17:15 no Pavillón Monte da Vila.


04.09.2011: Horario de adestramento para o luns 5.

   Infantil Feminino: 19:30 Pavillón Monte da Vila.

   Infantil Masculino: 20:00 Pavillón Monte da Vila.

   Cadete Feminino: 20:00 Pavillón Monte da Vila.

   Cadete Masculino: 20:30 Pavillón Monte da Vila.

   Sénior: 21:00 Pavillón Monte da Vila.


03.09.2011: Os xogadores dos equipos cadetes, tanto masculino como feminino, teñen que entregar aos seus adestradores a documentación necesaria para tramitar a licencia o vindeiro luns, día 5:

   2 fotos carné.

   Fotocopia do DNI.

   Licencia firmada polo pai/nai/titor (enlace licencia)


Xa falta menos de un mes para o inicio das súas competicións.

A roupa Legea chegou este venres. A directiva está a traballar a reo para clasificar os lotes e preparalos para serigrafiar e bordar.


01.09.2011: Horarios de adestramentos para o venres día 2.

   Infantil Feminino: 16:30 Pavillón Monte da Vila.

   Infantil Masculino: 16:30 Pavillón Monte da Vila.

   Cadete Feminino: 19:30 Pavillón Conmeniño.

   Cadete Masculino: 20:30 Pavillón Conmeniño


Por outra banda, este martes realizouse o reparto de horarios para o uso dos pavillóns na tempada 2011-2012. Proximamente, o club dará a coñecer os horarios definitivos de adestramentos para os equipos.



 
Regreso al contenido | Regreso al menu principal